jueves, 27 de febrero de 2025

Club de lectura

O pasado xoves, 20 de febreiro, celebramos a sesión de club de lectura deste trimestre. Despois dun xantar xuntos, pasamos a falar dos libros que foran seleccionados: "A maldición do papiro alexandrino" e "O curioso incidente do can á medianoite".

 


Seleccionamos este primeiro libro para 1º e 2º de ESO, aínda que pensamos que podería interesar en calquera dos cursos.

 A novela gustou moitísimo. Comentamos como nos atrapara a trama dende o primeiro momento, xa que está chea de personaxes misteriosos, e dunha misión a levar a cabo. O momento no que se desenvolve, recén finalizada a Primeira Guerra Mundial, resulta ser un momento moi interesante. As alumnas de 4º ilustráronnos un pouco sobre a Gran Guerra, que veñen de estudar, o cal nos axudou a comprender un pouco máis a historia. 

Pareceunos moi ben escrita, cun ritmo áxil e moi entretida. Ademais, asomounos momentos da historia significativos, fíxonos reflexionar sobre as apropiacións de obras de arte en determinados momentos e lugares. Tamén, sobre o complicado que o tiveron as mulleres para estudar, non hai tanto tempo. E, como non, tamén nos deu para falar un pouquiño da Ilíada, xa que cada un dos capítulos comeza cuns versos de diferentes cantos desa obra.

En canto ao final, unha absoluta sorpresa para todos.

Conclusión unánime: ben recomendable esta novela.

 


 "O curioso incidente..." foi a obra elixida para 3º e 4º de ESO. 

Outro texto que nos permite comentar moitas cousas distintas.

Está escrita en primeira persoa, igual que a anterior, e tamén por unha persoa moi nova. Neste caso, por un rapaz de 15 anos moi particular, Christopher. Unha noite atopa asasinado ao can da veciña, e decide investigar sobre este crime, a pesar da oposición de seu pai. O libro convértese entón nunha novela case policial. O que Chistopher non sabe é que, ao mesmo tempo, descubrirá moitas cousas da súa familia que cambiarán a súa vida.

Resulta un libro moi áxil tamén, por ser un adolescente quen o escribe. 

O libro gustou moito tamén. Comentamos como nos emocionou o protagonista, coa súa maneira de ver o mundo e a situación que atopa. 

Poderiamos perfectamente xuntármonos novamente para comentar, polo miúdo, o famoso problema de Monty Hall que Christopher explica tan ben e comentar tamén as reaccións que suscitou a resolución de Marilyn Vos Savant. Terían a mesma virulencia se Marilyn fose un home? 


Ao final da sesión, acordamos ler poesía e teatro para a sesión da terceira avaliación. Admítense recomendacións!

 


No hay comentarios: