miércoles, 30 de octubre de 2024

Samaín

         

       

 
Entre ósos e morcegos, cabazas e pantasmas,transcorreu esta mañá na Biblioteca.
Irene Pintos contoulles a historia de Gabriel escalera aos alumnos/as de 1ºESO, que agora son responsables de que a historia non se perda.

Historias arrepiantes acompañáronnos durante toda esta semana. Algunhas están xa nalgunhas casas...

Recordamos este texto publicado por Gciencia, que nos ilustra sobre o Samaín.

"As cabazas xa iluminan o exterior das casas. As flores xa están listas para ser colocadas nos cemiterios. Falta moi pouco para celebrar o Día de Todos os Santos, unha denominación que provén do cristianismo pero que na cultura celta recibía o nome de ‘Samaín‘, unha festa da que se establecen as súas orixes en Galicia. Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas. Moitos dos ritos que se celebraban en Galicia durante estes días do ano acabaron por confundirse e atribuírselle a Halloween, unha celebración anglosaxoa que deriva do Samaín e que acabou por copar todo o protagonismo. “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”, explica o antropólogo Rafael Quintía.

Durante o Samaín existía a crenza de que os difuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comer cos seus familiares mentres que abandonaban, por unhas horas, a frialdade dos cemiterios. Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos. A palabra, que procede do gaélico ‘Samhain’, significa ‘fin do verán’, e dá a benvida ao mes de novembro. Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos (EUA) a finais do século XIX. Erroneamente, crese que o Samaín naceu do Halloween americano, pero foi ao revés".



 
 
  
 


jueves, 24 de octubre de 2024

Día das Bibliotecas

 O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas.

A nosa quédasenos algo pequena, somos moitos quen a empregamos como lugar de encontro, de lectura, de estudo, de consulta, de búsqueda de libros e información...

Así que, desta vez, decidimos sacar parte dela fóra.

Durante uns días, desfrutaremos de bookface feitos por alumnado e profesorado na entrada principal. Tamén, de libros de agasallo do expurgo feito este curso.


             



             

     
                
 

        


             

             









lunes, 14 de octubre de 2024

Día das Escritoras

 O luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, celébrase o Día das Escritoras. Este ano 2024 festéxase, xa que logo, este luns, 14 de outubro.

No IES do Castro temos varias exposicións que nos lembran esta data.

Mención especial a Chus Pato e Bea Lema, galardoadas este ano cos Premios Nacionais de Poesía e Cómic, respectivamente.

 

         

Traballos do alumnado de 1º de ESO na materia de galego.


Agradecementos para o voluntariado de biblioteca de bacharelato, que montou as exposicións e seleccionou os libros dos expositores da biblioteca para tal ocasión:


           





martes, 4 de junio de 2024

Taller sobre o medo coa autora Paula Carballeira: 1º ESO

O día 27 de maio a escritora e actriz Paula Carballeira visitou o IES do Castro para realizar un taller sobre o medo co alumnado de 1º de ESO, que previamente leu o seu texto dramático Somos os monstros.

O alumnado, orientado polas súas profesoras Eva García e Cristina Nogueiras realizou unha lectura reflexiva da obra para, posteriormente, traballar o texto dramático, elaborar os títeres cos personaxes da obra, facer a representación teatral e a súa gravación coa axuda do profesor Miguel Cameselle. Ademais levaron a cabo actividades de diverso tipo relacionadas co texto de Carballeira, entre elas un obradoiro de papiroflexia sobre iconas do medo, impartido pola profesora Sandra Camiña.

A experiencia foi un éxito e puidemos contar coa presenza da autora grazas á axuda do programa de actividades literarias «Encontros literarios» posto en marcha pola Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura do Ministerio de Cultura.

 

Capa da obra Somos os monstros


Imaxe sobre a realización do taller de medo
 con Paula Carballeira

 

 
Actividades realizadas polo alumnado 
e sesión do taller de medo 



jueves, 2 de mayo de 2024

Recomendacións do alumnado


Co gallo do día do libro, alumnado do centro elaborou faixas coas súas lecturas preferidas.

Aquí unha mostra.



                    


                

                        

                           
              



 

jueves, 25 de abril de 2024

Club de lectura


 

Publicamos agora unha entrada un pouco máis extensa sobre a última sesión do club de lectura de adultos.

O luns 4 de marzo xuntámonos na Biblioteca do IES do Castro para analizarmos no club de lectura de adultos a obra Rewind do xornalista e escritor ourensán Juan Tallón, publicada pola editorial Anagrama en castelán e na colección Factoría K da editorial pontevedresa Kalandraka, en galego.

Nesta ocasión o autor non nos puido acompañar ao estar centrado na escrita da súa próxima novela, pero participaron na sesión as alumnas de 1º de Bacharelato Internacional Ángela L. A., Dana G. L., SabelaC. P. e Sara M. V., que animaron o noso club de lectura e ofreceron argumentadamente a súa opinión sobre a obra literaria.

Abrimos a sesión con algunhas achegas interesantes sobre a novela, publicada días antes do peche derivado do confinamento pola pandemia da Covid-19. Unha delas foi destacar que o autor escribiu Rewind sen coñecer a cidade de Lyon, onde se ambienta e á que viaxou cando xa estaba revisando o texto. Ademais, podemos coñecer o proceso de creación desta obra grazas ao documental do director Simone Saibene titulado Escribir lo imposible. Nel Tallón, nun acto de xenerosidade, permítenos coñecer como concibiu a novela e como concilia a súa propia vida co oficio da escrita.

Na xuntanza reflexionamos sobre a dureza da obra, que comeza coa explosión accidental dun edificio en Lyon na cal falecen varios mozos. Neste aspecto, ás nosas convidadas máis novas a dureza da obra non lle produciu tanto impacto coma ao resto, que en ocasións a lectura nos ocasionou certa angustia. Tamén analizamos as perspectivas ofrecidas polos distintos narradores desta novela coral, técnica narrativa que en xeral gustou moito e, de entre todos eles, destacamos os relatos do sobrevivente Paul Madiot, polo optimismo que transmite, e a quiosqueira Hannah, unha das personaxes máis entrañables da novela. Pola contra, os capítulos que menos gustaron foron o de Álvaro Lasso, pai de Emma, pola pouca empatía que produciu o propio personaxe, e o de Gianna, a irmá de Lucca, pola cantidade de desgrazas que facían o capítulo pouco crible.

Para concluír, cómpre dicir que a obra non foi do gusto de todas as asistentes polo feito de resultar algo inverosímila o acumular tanta dose de traxedia. Con todo destacamos e valoramos a habilidade do autor ourensán para transmitirnos en pouco máis de duascentas páxinas unha historia presentada dende cinco ópticas diferentes, cun estilo depurado e áxil, que nos animaron á reflexión sobre o efémero da vida, a fraxilidade do ser humano, a amizade, o azar e  anecesidade de rebobinar ou de tirar cara a adiante ante as circunstancias da vida.

Verémonos o 27 de maio para falarmos coa escritora Paula Carballeira da súa obra As alumnas, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.






lunes, 8 de abril de 2024

2º trimestre na Biblioteca



O segundo "trimestre" foi tan curto como intenso. Velaquí algunhas das actividades e novidades destes primeiros meses de 2024.

Co obxectivo de continuar sacando a biblioteca fóra, de facela viaxiar e achegala a todos os lugares e momentos, mercamos un expositor para a sala de profesorado. Iremos renovándoo regularmente con fondos da biblioteca que irán e volverán.  

                                    

 

                                  

                                  


 A primeira semana deste segundo trimestre comezamos a actividade "Os luns, poesía": alumnado, profesorado, e persoal de administración e servizos é convidado a participar, enviando un poema ao correo electrónico da biblioteca: bibliotecaiesdocastro@gmail.com. Os devanditos poemas son expostos, cada luns, na biblioteca.

 

Colaboramos con outros departamentos/equipos buscando os libros axeitados, para celebrar  o Día da Paz, o día de Rosalía, o Día Internacional da Muller... Lecturas que nos poden acompañar cada día do ano, e que queremos lembrar.

    

 

                                     

 

O 14 de marzo celébrase o Día de Pi. No instituto ampliamos a celebración a toda a semana. A Semana Matemática do IES do Castro estivo chea de actividades: xogos, búsquedas en libros, dentro e fóra da biblioteca, lectura de Borges ("El libro de arena") co alumnado de Bacharelato, e unha conferencia a cargo de Clara Ogando.


         


     
                        

Sempre coa colaboración do alumnado, o noso mural lembrando que o 21 de marzo comeza a primavera e é o Día Internacional da Poesía. 

Como veredes, ten poemas para levar. O martes, durante a sesión semanal de xogos matemáticos, fixemos un sobre de papiroflexia para poder levar algún.

                                        


Mención especial merecen as sesiós do Club de Lectura. 

Ao club de lectura de adultos incorporáronse alumnas de 1º de Bacharelato.





Comentamos e intercambiamos pareceres sobre a obra "Rewind", de Juan Tallón. Foi unha conversa moi agradable, fresca e distendida, chea de acordos e de desacordos.

Por outra banda, no club de Lectura xuvenil debullamos e discutimos polo miúdo sobre tres novelas:  "A evolución de Calpurnia Tate", "O curioso mundo de Calpurnia Tate" e "As aventuras de Huckleberry Finn". Comparámolas entre elas, comparamos os personaxes; falamos de historia e idiosincrasia estadounidense; comentamos moito vocabulario de bioloxía e comprobamos que contamos con algúns libros de Darwin, incluso en galego!

Unha xornada do máis fructífera e divertida.

Como esquecemos facer as fotos de rigor durante a sesión, mostramos a única coas últimas en saír.