martes, 17 de diciembre de 2024

Nadal

 Coñecido é no IES do Castro o punto Sierpiski. Non tanto como se xenera, e menos que se pode obter a partir do Triángulo de Pascal ou Triángulo de Tartaglia.

Queremos festexar este Nadal celebrando ese lugar do noso instituto, ese triángulo e ese fractal, aproveitando tamén para explicalo nas clases.

É o por que da árbore exposta na entrada do instituto. 

Que ten moito máis: o primeiro, que foi feita polas voluntarias de biblioteca. O segundo, que moito do noso alumnado colaborou, ben facendo as bólas, ben a través das recomendacións de lectura que agochan cada unha delas. 

É unha árbore para tocar: levanta a tapiña, bóla superior, e descobre o libro favorito dun dos teus compañeiros.

As árbores individuais, feitas con libros do expurgo, tamén foron plegadas polas voluntarias.

Moi Bo Nadal, e moi felices lecturas.



















martes, 3 de diciembre de 2024

Club de lectura

O pasado xoves, 28 de novembro, reunímonos na sesión de Club de Lectura deste trimestre.

Tiñamos unha temática moi específica: a maxia. Intrínsecamente relacionada con ela, a fantasía. Dado que o club está formado por 14 membros de distintos cursos de ESO, foron varios os libros escollidos:

"Memorias de Idhún", de Laura Gallego, "Harry Potter e a pedra filosofal", de J.K. Rowling, 

"A balada dos unicornios", de Ledicia Costas, e "A rapaza de tinta e estrelas", de Kiran Millwood Hargrave.

 

 

Cada membro do club leu un dos libros polo menos, houbo quen leu tres, xa que algún deles xa o lera en anos anteriores.

Conversamos moito, longo e tendido. Os dous primeiros títulos déronnos moito xogo, xa que pertencen a sagas e os protagonistas van cambiando ao longo do tempo. Algúns comentaron que os personaxes favoritos no primeiro dos libros non resultaron ser os que máis lles gustaron ao final. 

De "A balada dos unicornios" comentamos tamén que, a pesares de comezar como unha novela moi doada de ler, que incluso parece infantil, ten momentos verdadeiramente truculentos, que transforman o libro totalmente.

Logo de levar xa un bo anaco de tempo falando dos libros, gozamos dunha sorpresa magnífica: apareceu Sara, unha MAGA!!!!!  Quedamos abraiados co espectáculo.


Foi unha sesión estupenda; xa estamos pensando na seguinte.

Unha imaxe de parte do grupo que conforma o club de lectura. As que marcharon antes non saen, non nos acordamos de facer a foto ata o final!