jueves, 18 de diciembre de 2025

Bo Nadal

En vésperas do Nadal, compartimos con vós a árbore deste final de 2025.

 

Está feita cunhas postais moi especiais: confeccionadas e escritas por alumnado de ESO, os seus destinatarios son personaxes de historias que lles deixasen pegada, que, dalgunha maneira, lles conmovesen.

Pronto serán enviadas: Greg, Fortunata, Jacinta, Lucanor, Yoichi Isagi, Lupin, Natalia, Moni, Astérix, Richi Tozier... sodes moi afortunados. Mirade os buzóns dos vosos fogares!

 

Tamén queremos amosarvos o traballo do voluntariado de Biblioteca, que se afanou en recordarnos a estación que chega con ilustracións, nas ventás, do Sereo e de edificios senlleiros da nosa cidade.

 

Ás familias todas, diversas e marabillosas: desexámosvos feliz descanso e Bo Nadal.


                                     



















martes, 9 de diciembre de 2025

Club de Lectura

 

O pasado mércores, 26 de novembro, fixemos a primeira xuntanza do club de lectura deste curso. Este mes de Samaín pareceunos o momento perfecto para adentrarnos na narrativa gótica. Comezamos viaxando a 1887 da man de Oscar Wilde, quen en A pantasma de Canterville converteu o medo en ironía e mofa, cun espectro máis entrañable ca terrible. A outra proposta desta sesión fíxonos estremecer: Adeline de María Solar, unha historia xuvenil contemporánea de vampiros, publicada en 2024 e inspirada na eterna Carmilla do escritor irlandés Sheridan Le Fanu.

Entre disfraces, risas, vampiros e casas encantadas, comemos, falamos e debatimos como boa familia lectora. Ademais destas dúas lecturas, expuxemos nas mesas unha selección de historias de medo e misterio: relatos de Edgar Allan Poe, Frankenstein de Mary Shelley e unha fermosa edición ilustrada de Carmilla, entre outras moitas xoias da literatura.

E cando xa pensabamos que a maxia rematara, chegou a sorpresa final: o visionado da curtametraxe realizada o ano pasado no instituto sobre a nosa “pantasma” particular, Gabriel Escalera, baseada na historia escrita pola nosa querida Irene Pérez Pintos. A curta foi dirixida por Miguel Cameselle, e conta cun elenco actoral importante!