martes, 9 de diciembre de 2025

Club de Lectura

 

O pasado mércores, 26 de novembro, fixemos a primeira xuntanza do club de lectura deste curso. Este mes de Samaín pareceunos o momento perfecto para adentrarnos na narrativa gótica. Comezamos viaxando a 1887 da man de Oscar Wilde, quen en A pantasma de Canterville converteu o medo en ironía e mofa, cun espectro máis entrañable ca terrible. A outra proposta desta sesión fíxonos estremecer: Adeline de María Solar, unha historia xuvenil contemporánea de vampiros, publicada en 2024 e inspirada na eterna Carmilla do escritor irlandés Sheridan Le Fanu.

Entre disfraces, risas, vampiros e casas encantadas, comemos, falamos e debatimos como boa familia lectora. Ademais destas dúas lecturas, expuxemos nas mesas unha selección de historias de medo e misterio: relatos de Edgar Allan Poe, Frankenstein de Mary Shelley e unha fermosa edición ilustrada de Carmilla, entre outras moitas xoias da literatura.

E cando xa pensabamos que a maxia rematara, chegou a sorpresa final: o visionado da curtametraxe realizada o ano pasado no instituto sobre a nosa “pantasma” particular, Gabriel Escalera, baseada na historia escrita pola nosa querida Irene Pérez Pintos. A curta foi dirixida por Miguel Cameselle, e conta cun elenco actoral importante!

 



No hay comentarios: