miércoles, 25 de marzo de 2026

Club de Lectura


O pasado mércores 18 de marzo celebramos o segundo encontro do club de lectura deste curso, centrado nesta ocasión na temática da Segunda Guerra Mundial.

 As obras escollidas foron a novela gráfica Maus, de Art Spiegelman, e Memoria do Silencio, de Eva Mejuto. Dúas propostas diferentes pero complementarias: por unha banda, Maus achéganos unha visión impactante e simbólica do Holocausto a través da banda deseñada; pola outra, a obra de Mejuto pon o foco na memoria histórica dende unha perspectiva máis próxima e emocional.

A recepción por parte do alumnado foi moi positiva, xerando reflexións e debates moi interesantes. Destacamos a importancia destas lecturas hoxe en día, non só para comprender o pasado, senón tamén para interpretar o presente e formar unha conciencia crítica nas novas xeracións.

Para rematar, organizamos unha busca do tesouro pola biblioteca, convidando á nosa familia lectora a descubrir títulos de distintos xéneros —banda deseñada, historia, narrativa e mesmo cine— relacionados coa Segunda Guerra Mundial, convertendo a sesión nun pequeno xogo compartido entre libros, pistas e moitas ganas de seguir lendo. 



viernes, 20 de marzo de 2026

23 de febreiro, Día de Rosalía

Rosalía, fonte inagotable de inspiración.

Pensamos en Rosalía, lemos a Rosalía, e énchesenos a cabeza de ideas luminosas. Escoller, so podemos escoller unha, topamos co límite do tempo. 

Aquí unhas fotos do taller de flores e caligramas sobre unha das nosas poetas máis universais.

                                         dfs 



                     





 

viernes, 30 de enero de 2026

2025: Ano Castelao

O ano 2025 foi declardo Ano Castelao, pola celebración do 75 aniversario do seu pasamento.

O alumnado de 4º de ESO seleccionou varios dos seus textos, que o grupo de Debuxo Artístico, de 2º de Bacharelato, ilustrou con tinta.

O resultado encantounos, e loce no vestíbulo do instituto.

 

         




Club de Lectura: visita de Manuel Núñez Singala

Non puidemos comezar mellor o ano no Club de Lectura: o pasado 12 de xaneiro, luns, acudiu ao instituto Manuel Núñez Singala e, despois dunha sesión de sociolingüística co alumnado de 2º de Bacharelato, mantivo un encontro co Club de Lectura e cun cuarto de ESO.

Puidemos falar e preguntarlle sobre "Atranco no Banco", que leramos o curso pasado no Club.

O alumnado tivo tantas preguntas que ninguén de nós se moveu cando tocou o timbre para volver a casa. Preguntas sobre o proceso da escritura, sobre o momento de empezar a escribir, sobre o traballo e a inspiración... E moitas risas recordando as torpezas de Rafael e Lois, e o xogo cos oficios e nomes case omnipresente na obra de teatro.