lunes, 8 de abril de 2024

2º trimestre na Biblioteca



O segundo "trimestre" foi tan curto como intenso. Velaquí algunhas das actividades e novidades destes primeiros meses de 2024.

Co obxectivo de continuar sacando a biblioteca fóra, de facela viaxiar e achegala a todos os lugares e momentos, mercamos un expositor para a sala de profesorado. Iremos renovándoo regularmente con fondos da biblioteca que irán e volverán.  

                                    

 

                                  

                                  


 A primeira semana deste segundo trimestre comezamos a actividade "Os luns, poesía": alumnado, profesorado, e persoal de administración e servizos é convidado a participar, enviando un poema ao correo electrónico da biblioteca: bibliotecaiesdocastro@gmail.com. Os devanditos poemas son expostos, cada luns, na biblioteca.

 

Colaboramos con outros departamentos/equipos buscando os libros axeitados, para celebrar  o Día da Paz, o día de Rosalía, o Día Internacional da Muller... Lecturas que nos poden acompañar cada día do ano, e que queremos lembrar.

    

 

                                     

 

O 14 de marzo celébrase o Día de Pi. No instituto ampliamos a celebración a toda a semana. A Semana Matemática do IES do Castro estivo chea de actividades: xogos, búsquedas en libros, dentro e fóra da biblioteca, lectura de Borges ("El libro de arena") co alumnado de Bacharelato, e unha conferencia a cargo de Clara Ogando.


         


     
                        

Sempre coa colaboración do alumnado, o noso mural lembrando que o 21 de marzo comeza a primavera e é o Día Internacional da Poesía. 

Como veredes, ten poemas para levar. O martes, durante a sesión semanal de xogos matemáticos, fixemos un sobre de papiroflexia para poder levar algún.

                                        


Mención especial merecen as sesiós do Club de Lectura. 

Ao club de lectura de adultos incorporáronse alumnas de 1º de Bacharelato.





Comentamos e intercambiamos pareceres sobre a obra "Rewind", de Juan Tallón. Foi unha conversa moi agradable, fresca e distendida, chea de acordos e de desacordos.

Por outra banda, no club de Lectura xuvenil debullamos e discutimos polo miúdo sobre tres novelas:  "A evolución de Calpurnia Tate", "O curioso mundo de Calpurnia Tate" e "As aventuras de Huckleberry Finn". Comparámolas entre elas, comparamos os personaxes; falamos de historia e idiosincrasia estadounidense; comentamos moito vocabulario de bioloxía e comprobamos que contamos con algúns libros de Darwin, incluso en galego!

Unha xornada do máis fructífera e divertida.

Como esquecemos facer as fotos de rigor durante a sesión, mostramos a única coas últimas en saír.



No hay comentarios: