lunes, 18 de diciembre de 2023

 

       

     Club de lectura

O pasado luns 4 de decembro tivo lugar a primeira sesión do club de lectura de adultos do curso 2023-2024 da Biblioteca do IES do Castro. Nesta ocasión o libro seleccionado foi O verán sen homes, a tradución ao galego da autora norteamericana Siri Hustvedt, que nos serviu para establecer un diálogo co seu tradutor Alejandro Tobar Salazar, editor e director da editorial compostelá Hugin e Munin.
Tobar comezou a súa intervención explicando como na tradución desta obra tivo algo que ver o coñecido escritor Agustín Fernández Paz, quen a recomendou cando Hustvedt aínda non contaba co recoñecemento que ten na actualidade. Nun diálogo moi ameno e interesante explicounos, entre moitas outras cousas, como non foi caro mercar os dereitos de autoría da novela, como foi unha obra fácil de traducir e tamén como a autora quedou moi satisfeita coa tradución da obra ao galego.
As asistentes tamén aproveitamos para dialogar co autor sobre o proceso editorial, a boa saúde do sistema literario galego e a sorte de termos entre nós unha editorial como Hugin e Munin, centrada na tradución directa ao galego de obras narrativas de calidade dende dezaoito linguas diferentes.
Deseguido afondamos na obra seleccionada, debullada por Alejandro Tobar extraordinariamente e que nos permitiu dialogar sobre o paso do tempo, a vellez, a sororidade, as relacións de parella, o acoso escolar, a violencia de xénero e o feminismo.
Na obra unha muller madura, Mia, perde o xuízo despois de saber que o seu marido, un reputado neurocientífico, decide facer unha «pausa» no seu matrimonio. A protagonista, logo do seu paso por unha clínica psiquiátrica, refúxiase nun apartamento na súa cidade natal de Bonden (Minessota), preto da residencia de anciás onde vive a súa nai. Ese «verán sen homes» serviralle para recompoñerse da infidelidade e compartir experiencias coas mulleres da súa contorna: as enxeñosas amigas da súa nai, as rapazas asistentes ao obradoiro de poesía que imparte, a veciña e os seus dous cativos, etc. A través delas indaga na súa propia existencia, no seu pasado como muller e tamén como poeta.
Con mestría e dominio da técnica narrativa, Hustvedt constrúe unha obra na cal
conviven a poesía, os debuxos da súa propia autoría, as referencias a textos científicos, ensaio e correos electrónicos sempre con continuas chiscadelas á persoa lectora, facéndolle anticipacións sobre o propio relato.
En xeral, a obra resultou algo dificultosa e moi ensaística para algunhas das asistentes,incluso con certos alardes de intelectualidade neoiorquina por parte da autora, pola contra para outras das asistentes é unha obra maxistral en canto á técnica narrativa que establece un diálogo continuo coa literatura, a música e o cine norteamericano. Houbo unanimidade en recoñecer a Abigail como unhas das personaxes máis entrañables da novela e valoramos positivamente o xeito de describir a loucura transitoria da protagonista, referendada con doses de humor e ironía.



No hay comentarios: