jueves, 25 de abril de 2024

 Club de lectura

 

Publicamos agora unha entrada un pouco máis extensa sobre a última sesión do club de lectura de adultos.

O luns 4 de marzo xuntámonos na Biblioteca do IES do Castro para analizarmos no club de lectura de adultos a obra Rewind do xornalista e escritor ourensán Juan Tallón, publicada pola editorial Anagrama en castelán e na colección Factoría K da editorial pontevedresa Kalandraka, en galego.

Nesta ocasión o autor non nos puido acompañar ao estar centrado na escrita da súa próxima novela, pero participaron na sesión as alumnas de 1º de Bacharelato Internacional Ángela L. A., Dana G. L., SabelaC. P. e Sara M. V., que animaron o noso club de lectura e ofreceron argumentadamente a súa opinión sobre a obra literaria.

Abrimos a sesión con algunhas achegas interesantes sobre a novela, publicada días antes do peche derivado do confinamento pola pandemia da Covid-19. Unha delas foi destacar que o autor escribiu Rewind sen coñecer a cidade de Lyon, onde se ambienta e á que viaxou cando xa estaba revisando o texto. Ademais, podemos coñecer o proceso de creación desta obra grazas ao documental do director Simone Saibene titulado Escribir lo imposible. Nel Tallón, nun acto de xenerosidade, permítenos coñecer como concibiu a novela e como concilia a súa propia vida co oficio da escrita.

Na xuntanza reflexionamos sobre a dureza da obra, que comeza coa explosión accidental dun edificio en Lyon na cal falecen varios mozos. Neste aspecto, ás nosas convidadas máis novas a dureza da obra non lle produciu tanto impacto coma ao resto, que en ocasións a lectura nos ocasionou certa angustia. Tamén analizamos as perspectivas ofrecidas polos distintos narradores desta novela coral, técnica narrativa que en xeral gustou moito e, de entre todos eles, destacamos os relatos do sobrevivente Paul Madiot, polo optimismo que transmite, e a quiosqueira Hannah, unha das personaxes máis entrañables da novela. Pola contra, os capítulos que menos gustaron foron o de Álvaro Lasso, pai de Emma, pola pouca empatía que produciu o propio personaxe, e o de Gianna, a irmá de Lucca, pola cantidade de desgrazas que facían o capítulo pouco crible.

Para concluír, cómpre dicir que a obra non foi do gusto de todas as asistentes polo feito de resultar algo inverosímila o acumular tanta dose de traxedia. Con todo destacamos e valoramos a habilidade do autor ourensán para transmitirnos en pouco máis de duascentas páxinas unha historia presentada dende cinco ópticas diferentes, cun estilo depurado e áxil, que nos animaron á reflexión sobre o efémero da vida, a fraxilidade do ser humano, a amizade, o azar e  anecesidade de rebobinar ou de tirar cara a adiante ante as circunstancias da vida.

Verémonos o 27 de maio para falarmos coa escritora Paula Carballeira da súa obra As alumnas, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.






No hay comentarios: