jueves, 27 de febrero de 2025

Club de lectura

O pasado xoves, 20 de febreiro, celebramos a sesión de club de lectura deste trimestre. Despois dun xantar xuntos, pasamos a falar dos libros que foran seleccionados: "A maldición do papiro alexandrino" e "O curioso incidente do can á medianoite".

 


Seleccionamos este primeiro libro para 1º e 2º de ESO, aínda que pensamos que podería interesar en calquera dos cursos.

 A novela gustou moitísimo. Comentamos como nos atrapara a trama dende o primeiro momento, xa que está chea de personaxes misteriosos, e dunha misión a levar a cabo. O momento no que se desenvolve, recén finalizada a Primeira Guerra Mundial, resulta ser un momento moi interesante. As alumnas de 4º ilustráronnos un pouco sobre a Gran Guerra, que veñen de estudar, o cal nos axudou a comprender un pouco máis a historia. 

Pareceunos moi ben escrita, cun ritmo áxil e moi entretida. Ademais, asomounos momentos da historia significativos, fíxonos reflexionar sobre as apropiacións de obras de arte en determinados momentos e lugares. Tamén, sobre o complicado que o tiveron as mulleres para estudar, non hai tanto tempo. E, como non, tamén nos deu para falar un pouquiño da Ilíada, xa que cada un dos capítulos comeza cuns versos de diferentes cantos desa obra.

En canto ao final, unha absoluta sorpresa para todos.

Conclusión unánime: ben recomendable esta novela.

 


 "O curioso incidente..." foi a obra elixida para 3º e 4º de ESO. 

Outro texto que nos permite comentar moitas cousas distintas.

Está escrita en primeira persoa, igual que a anterior, e tamén por unha persoa moi nova. Neste caso, por un rapaz de 15 anos moi particular, Christopher. Unha noite atopa asasinado ao can da veciña, e decide investigar sobre este crime, a pesar da oposición de seu pai. O libro convértese entón nunha novela case policial. O que Chistopher non sabe é que, ao mesmo tempo, descubrirá moitas cousas da súa familia que cambiarán a súa vida.

Resulta un libro moi áxil tamén, por ser un adolescente quen o escribe. 

O libro gustou moito tamén. Comentamos como nos emocionou o protagonista, coa súa maneira de ver o mundo e a situación que atopa. 

Poderiamos perfectamente xuntármonos novamente para comentar, polo miúdo, o famoso problema de Monty Hall que Christopher explica tan ben e comentar tamén as reaccións que suscitou a resolución de Marilyn Vos Savant. Terían a mesma virulencia se Marilyn fose un home? 


Ao final da sesión, acordamos ler poesía e teatro para a sesión da terceira avaliación. Admítense recomendacións!

 


martes, 17 de diciembre de 2024

Nadal

 Coñecido é no IES do Castro o punto Sierpiski. Non tanto como se xenera, e menos que se pode obter a partir do Triángulo de Pascal ou Triángulo de Tartaglia.

Queremos festexar este Nadal celebrando ese lugar do noso instituto, ese triángulo e ese fractal, aproveitando tamén para explicalo nas clases.

É o por que da árbore exposta na entrada do instituto. 

Que ten moito máis: o primeiro, que foi feita polas voluntarias de biblioteca. O segundo, que moito do noso alumnado colaborou, ben facendo as bólas, ben a través das recomendacións de lectura que agochan cada unha delas. 

É unha árbore para tocar: levanta a tapiña, bóla superior, e descobre o libro favorito dun dos teus compañeiros.

As árbores individuais, feitas con libros do expurgo, tamén foron plegadas polas voluntarias.

Moi Bo Nadal, e moi felices lecturas.



















martes, 3 de diciembre de 2024

Club de lectura

O pasado xoves, 28 de novembro, reunímonos na sesión de Club de Lectura deste trimestre.

Tiñamos unha temática moi específica: a maxia. Intrínsecamente relacionada con ela, a fantasía. Dado que o club está formado por 14 membros de distintos cursos de ESO, foron varios os libros escollidos:

"Memorias de Idhún", de Laura Gallego, "Harry Potter e a pedra filosofal", de J.K. Rowling, 

"A balada dos unicornios", de Ledicia Costas, e "A rapaza de tinta e estrelas", de Kiran Millwood Hargrave.

 

 

Cada membro do club leu un dos libros polo menos, houbo quen leu tres, xa que algún deles xa o lera en anos anteriores.

Conversamos moito, longo e tendido. Os dous primeiros títulos déronnos moito xogo, xa que pertencen a sagas e os protagonistas van cambiando ao longo do tempo. Algúns comentaron que os personaxes favoritos no primeiro dos libros non resultaron ser os que máis lles gustaron ao final. 

De "A balada dos unicornios" comentamos tamén que, a pesares de comezar como unha novela moi doada de ler, que incluso parece infantil, ten momentos verdadeiramente truculentos, que transforman o libro totalmente.

Logo de levar xa un bo anaco de tempo falando dos libros, gozamos dunha sorpresa magnífica: apareceu Sara, unha MAGA!!!!!  Quedamos abraiados co espectáculo.


Foi unha sesión estupenda; xa estamos pensando na seguinte.

Unha imaxe de parte do grupo que conforma o club de lectura. As que marcharon antes non saen, non nos acordamos de facer a foto ata o final!




martes, 26 de noviembre de 2024

25 de Novembro: Día contra a Violencia Machista

 Un 25 N máis, moitas mulleres menos, vítimas de feminicidios.


O 25 de Novembro é un día de reivindicación, de reencontrármonos nas rúas, de berrar contra as violencias machistas, de recordar ás que non están, de lembrar os datos.

Os datos son alarmantes. Quixemos reflectir nas ventás da nosa biblioteca algúns deles:




E recordar, ao tempo, algunhas frases de pensadoras ás que hai que voltar sempre:



Traballo do voluntariado de biblioteca. 

Como non, estas son algunhas das lecturas que nos acompañan:




miércoles, 30 de octubre de 2024

Samaín

         

       

 
Entre ósos e morcegos, cabazas e pantasmas,transcorreu esta mañá na Biblioteca.
Irene Pintos contoulles a historia de Gabriel escalera aos alumnos/as de 1ºESO, que agora son responsables de que a historia non se perda.

Historias arrepiantes acompañáronnos durante toda esta semana. Algunhas están xa nalgunhas casas...

Recordamos este texto publicado por Gciencia, que nos ilustra sobre o Samaín.

"As cabazas xa iluminan o exterior das casas. As flores xa están listas para ser colocadas nos cemiterios. Falta moi pouco para celebrar o Día de Todos os Santos, unha denominación que provén do cristianismo pero que na cultura celta recibía o nome de ‘Samaín‘, unha festa da que se establecen as súas orixes en Galicia. Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas. Moitos dos ritos que se celebraban en Galicia durante estes días do ano acabaron por confundirse e atribuírselle a Halloween, unha celebración anglosaxoa que deriva do Samaín e que acabou por copar todo o protagonismo. “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende centos de anos”, explica o antropólogo Rafael Quintía.

Durante o Samaín existía a crenza de que os difuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comer cos seus familiares mentres que abandonaban, por unhas horas, a frialdade dos cemiterios. Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos. A palabra, que procede do gaélico ‘Samhain’, significa ‘fin do verán’, e dá a benvida ao mes de novembro. Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos (EUA) a finais do século XIX. Erroneamente, crese que o Samaín naceu do Halloween americano, pero foi ao revés".



 
 
  
 


jueves, 24 de octubre de 2024

Día das Bibliotecas

 O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas.

A nosa quédasenos algo pequena, somos moitos quen a empregamos como lugar de encontro, de lectura, de estudo, de consulta, de búsqueda de libros e información...

Así que, desta vez, decidimos sacar parte dela fóra.

Durante uns días, desfrutaremos de bookface feitos por alumnado e profesorado na entrada principal. Tamén, de libros de agasallo do expurgo feito este curso.


             



             

     
                
 

        


             

             









lunes, 14 de octubre de 2024

Día das Escritoras

 O luns máis próximo ao 15 de outubro, festividade de Teresa de Jesús, celébrase o Día das Escritoras. Este ano 2024 festéxase, xa que logo, este luns, 14 de outubro.

No IES do Castro temos varias exposicións que nos lembran esta data.

Mención especial a Chus Pato e Bea Lema, galardoadas este ano cos Premios Nacionais de Poesía e Cómic, respectivamente.

 

         

Traballos do alumnado de 1º de ESO na materia de galego.


Agradecementos para o voluntariado de biblioteca de bacharelato, que montou as exposicións e seleccionou os libros dos expositores da biblioteca para tal ocasión: