jueves, 26 de noviembre de 2026

Club de Lectura

O pasado mércores 18 de novembro de 2026, a mediodía, celebrouse o primeiro encontro deste curso do Club de lectura da Biblioteca do IES do Castro.

O alumnado falou do libro Número dos de David Foenkinos. A diversidade de opinións non se fixo esperar; case antes de sentaren os participantes manifestaron a súa primeira impresión: “encantoume”, “non o rematei”, “lino dun tirón”, “menos mal que tivo ese final”. Estas e outras opinións deron moito xogo para falar dos controvertidos temas dos que trata o libro, a xestión do fracaso, a presión social, os traumas e a depresión, e tamén das segundas oprtunidades, da aceptación e do amor. Os mozos e mozas lectores mostraron una boa capacidade de reflexión, mostraron empatía co protagonista, Martín Hill, pero non tanto coa súa xestión do que lle ocorreu. E, por suposto, afirmaron que non podemos confundir realidade e ficción, e que se non te elixen como Harry Potter, pois non pasa nada.

En resumo, o primero Club de lectura foi un bo momento para poñerse na pel dun personaxe e, por un instante, vivir outra vida.

 


 

Club de Lectura Manga

E xa van dúas sesións do Club Manga! Moito alumnado, con moitas ganas.

Reúnenese o terceiro luns de cada mes, durante o mediodía. 

O primeiro día presentáronse, e falaron das súas obras favoritas. Comezaron tamén a formar grupos de creación de Manga, pivotando sobre as dúas destrezas clave do medio: a escritura e o debuxo. O Club nace coa intención de crear un espazo no cal as persoas integrantes poidan socializar, coñecer a outras persoas con gustos afíns e compartir a paixón por esta forma de expresión tan idiosincrática.

Jose, dende a coordinación do club, trata de convidar á reflexión, á análise e ao pensamento crítico para dotar ás persoas participantes de ferramentas coas que poidan relacionarse cos artefactos culturais aos que se achegan dunha forma máis rica e profunda, indo máis aló da lectura superficial.

Así, en cada xuntanza comentan as súas lecturas recentes, debaten sobre temas de interés relacionados co mundo do manga, o anime e a cultura nipona e, en xeral, tratan de pasar un tempiño divertido xuntos/as. 

またね!