martes, 16 de junio de 2026

Voluntariado

Remata o curso e pronto entregaremos os diplomas ás voluntarias e voluntarios de Biblioteca. 15 horas de traballo ben aproveitadas.

É un pracer contar con todos eles/as. Aportan, axudan... dun tempo a esta parte o seu labor volveuse imprescindible, é xusto recoñecelo. Cun profesorado con tantas horas de clase, as horas asignadas a Biblioteca e a outros moitos plans e clubes son moi escasas. Sen o grupo, non poderiamos ter feito moitas das actividades, exposicións, e mesmo abrir nos recreos en condicións. Grazas, pois, polo voso labor.



 


Club de lectura

Derradeira sesión do curso do Club de Lectura.

Como vén sendo habitual na xuntanza do 3º trimestre, a piques de sumerxirnos no verán, celebrámola debaixo do ombú. Non hai nada como a sombra dunha árbore. Esta, que ademais é senlleira, apórtanos un toque de maxestuosidade importante.

Para este trimestre eliximos, novamente, un tema. Se no primeiro foi a literatura gótica, e no segundo a Segunda Guerra Mundial,  neste terceiro decantámonos polo misterio.

As novelas escollidas foron: "Cicuta para dous", de Rocío Leira, e "Un cadáver en la biblioteca", de Ágatha Christie. Comentámolas, intercambiamos pareceres. As profes concluímos que Ágatha Christie nunca falla, tendo en conta que algunha de nós lera varias das súas novelas na adolescencia. Gabi e Cris dixéronos que o da escritora inglesa é un bo libro para ler en inglés. Anotado queda, algunhas ímolo intentar.

As lecturas parecéronos propicias para xogar ao cluedo. Repasamos as normas e comezamos, pero entre a calor e o final de curso... enseguida cambiamos a partida por unhas carreiras en busca da ameixeira e os seus prezados froitos. Quédanos tempo, no vindeiro outono, de retomar o xogo.


 

Unha visita moi especial

O luns, 8 de xuño, recibimos con ilusión ao alumnado de 6º de primaria do CEP Dr Fleming. Cheos de curiosidade, visitaron o instituto.

Unha das paradas foi na nosa Biblioteca.  Cada un dos 96 que nos visitaron confeccionou unha folla desta recreación do ombú co título do libro que lle gustaría que estivese na nosa biblioteca. Unha verdadeira árbore de lecturas!